O siléncio ajoellado
O silencio axoellado | |
---|---|
Título orixinal | O silenzo axionllado e O siléncio ajoellado |
Autor/a | Ricardo Carballo Calero |
Orixe | Santiago de Compostela |
Lingua | Galega |
Xénero(s) | Poesía |
Editorial | Nós |
Data de pub. | 1934 |
Páxinas | 97 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O silenzo axionllado (1ª edición, 1934[1]) ou O siléncio ajoellado (edición de 1980[2]) —O silencio axeonllado en galego normativo actual— é un libro de poemas de Ricardo Carballo Calero.
Características
[editar | editar a fonte]Este libro rupturista, que lembra a Manuel Antonio,[3] certifica un coñecemento profundo das correntes de vangarda.[4] No libro pódense apreciar imaxes de carácter ultraísta ou creacionista e tamén os ecos hilozoístas de Luís Amado Carballo.[5] Aquilino Iglesia Alvariño cualifica os versos como introspectivos e serenos, deshumanizados: o exercicio íntimo dun autor pechado en si mesmo para esculcar as cousas e os estados de ánimo.[6] Henrique Rabuñal sinala: persiste a poesía amorosa, a do amor regrado, a do amor feo e a do amor fonte de dor.[3]
Carballo Calero confesoulle a Carmen Blanco:
A época de Vieiros e a época de O silencio axionllado é a época da miña mocidade, son versos escritos entre os 20 e os 24 e 26 anos. Hai unha suma de leituras que faciamos todos, os que pretendiamos escalar os cumes do Parnaso por entón. Eu tiven unha formación romántica que se reflexa no meu primeiro libriño de versos en castellano, pero xa mui mesturado de modernismo. Estes libros Vieiros e O silencio axionllado coido que supoñen a liberación desa formación, dou un paso máis alá... A metáfora de tipo criacionista ou ultraísta está presente nalgúns textos deses libros, polo menos no segundo deses libros, é posíbel que non no primeiro ou non tan claramente. A miña poesía daquela época era máis construtiva, menos arbitraria, cunha estrutura conceptual máis sólida, máis firme, que a da maioría dos meus compañeiros, non todos, pero en fin, Álvaro Cunqueiro escribía unha poesía arbitraria, menos motivada desde o punto de vista conceptual, unha poesía máis aérea…[7]
E o autor engadiu noutro libro de conversas:
Creio que hai un testemuño dun coñecimento mais amplo ou máis profundo pola miña parte das correntes vangardistas. Hai, evidentemente, un sentido da imaxe que às veces se aproxima à imaxe criacionista ou ultraísta, ainda que o libro en conxuto non sexa un libro criacionista nen ultraísta… Hai poemas mais vangardistas, evidentemente, que outros, pero en xeral parece-me un livro muito mais maduro, e non direi que mais rico en temática porque desde sempre parece-me que a miña poesia está caracterizada por esa riqueza, e emprego aqui a palabra “riqueza” sen nengunha connotación mellorativa.[8]
Poemas
[editar | editar a fonte]Na edición de 1980 inclúense:
- Tinge, tinge os teus beizos co sangue do solpor
Tinge, tinge os teus beizos co sangue do solpor ;
enmourece as tuas olleiras con brétema
e prolonga as tuas cellas con farrapos de noite
... [9]
- Alén do amor eu te amei
- Saudade dun pasado
- Saudade dunha voz
- Somellas ser somente
- Pavo real
... ;
sensual e anacrónico
rei das curvas e as cores
nos tempos geométricos
do hidro e do automóvil
... [10]
- ¿Ai, se non te tivese
- Serenidade, anseio
- O sexo do anjo
- Guarda con sono
- Ceo do mariñeiro
- Pedra alume
- Mans
- Soño de Catarina
- Retrato
O teu retrato ante min.
Por un cristal protegido,
é un espello dubidoso.
A ollá-lo, o meu rosto vejo
co teu rosto misturado
... [11]
- História de Amendoíña, segundo Andersen
- Luísa sorriso
- Naces na primavera, cando a terra está en cio
- Madrigal a Rosalia
A ti, sombra perdida, espírito pervagante,
que entre néboas de alén andas errante.
A ti, clara voz morta, ollos feridos,
pazo esquecido, outono
lonjano, chúvia
aceda sen lecer, sibila
chorosa; a ti que tes
o corazón de lua traspasado,
nas mans tremor de maina bris que ri,
as fazulas aradas pola dor
-oh estadea de bágoas sen fin-
e na fronte un fantasma aluarado:
a ti,
de min,
aos pes,
a flor
dun siléncio ajoellado [12]
- Unha bailarina
- Solciño frio da montaña
- Lámpada
- Anjo e serea
- Automóvil
- As árbores cantaban
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1934). O silenzo axionllado. Nós.
- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1980). Pretérito imperfeito (1927-1961). Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-047-7.
- ↑ 3,0 3,1 Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 129. ISBN 978-84-9151-436-7.
- ↑ Villamayor, Sindo (1996). Historia da Literatura Galega. 33. O silencio interior (1940-1950). A Nosa Terra. p. 1037. ISBN 84-89679-05-3.
- ↑ Dacosta, Henrique (2020). Carvalho Calero, vida e obra dun ser polifacético. Edicións Xerais de Galicia. p. 48. ISBN 978-84-9121-625-4.
- ↑ Iglesias, Xabier. "Os libros de Ánxel Casal".
- ↑ Blanco, Carmen (1989). Conversas con Carballo Calero. Galaxia. p. 203. ISBN 84-7154-654-X.
- ↑ Fernán-Vello, M.A.; Pillado Mayor, F. (1986). Conversas en Compostela con Carballo Calero. Sotelo Blanco. p. 89. ISBN 84-86021-32-4.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 35.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 44.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 60.
- ↑ Carballo Calero 1980, p. 71.